o espertar dun pobo
ourense no Día de Galicia
Aínda que
din que o Día de Galicia xurdiu en 1919 coas Irmandades da Fala, en Ourense o
espertar da identidade viña de moi atrás. Moito antes de que os intelectuais
puxesen de moda o galeguismo, Valentín Lamas Carvajal xa abrira o camiño. En
1876 fundou en Ourense O Tío Marcos da Portela, o primeiro xornal
editado integramente en galego. Aquelo foi unha revolución. Non era unha
publicación pra catro sabios; vendíase por miles nas feiras e chegaba ás
aldeas. Cun ton retranqueiro e popular, Lamas Carvajal ensinoulle aos labregos
e artesáns que o seu idioma era digno de imprenta. Foi o primeiro en demostrar
que a nosa lingua era o noso maior símbolo de identidade.
Don Ramón entendeu mellor que ninguén que a maneira de potenciar o galego
non era a través da imposición ou a obriga, que son ferramentas que adoitan
lograr o efecto contrario. O segredo estaba en prestixialo, en espertar no pobo
a convicción e o namoramento de que a súa lingua era valiosa. Ourense estaba a
conseguir o milagre: transformando o galego de ferramenta do campo nun orgullo
que a xente abrazaba por propia vontade. O 25 de xullo era a reválida anual
dese orgullo conquistado nas rúas, nos quioscos e no corazón dos veciños. (Logo
as cousas torceron, e polo de agora non se conseguiu recuperar o estilo dos
pioneiros).
Pero daquela
a identidade galega estaba coxa, porque Ourense tiña a metade do seu corazón
partido pola emigración. Aquí é onde a morriña deixa de ser unha tristura
pasiva para converterse nun motor. O Día de Galicia concibiuse como unha ponte
invisible que cruzaba o Atlántico pra abrazar os que marcharan.
Mentres na
provincia a xornada se vivía pensando no retorno, nos Centros Galegos de Bos
Aires, Montevideo ou no Centro Galego da Habana, os ourensáns emigrados daban a
batalla na distancia. Alí, o 25 de xullo era un día para vivir con orgullo.
Escoitar a gaita, aqueles alalás e muiñeiras, aquelas pandeiretas e a simple
cuncha da vieira e, por riba de todo, falar. Falar o galego en voz alta na
diáspora era o mellor remedio contra o esquecemento. O idioma funcionaba como a
única patria que ninguén lles podía quitar.
Esa morriña non quedaba en bágoas de banquete. O emigrante ourensán era de ideas claras e carteira por diante. Os cartos que enviaban con moito suor financiaron escolas, estradas e sociedades de progreso nos seus pobos. Máis tarde, a diáspora salvou a nosa cultura editando moitos dos libros e periódicos que hoxe son parte do noso patrimonio cultural. Os intelectuais, desde Ourense ou alá mesmo —que tamén emigraron—, poñían as ideas e a lingua, e os emigrantes sostiñan o orgullo e o futuro na distancia.
Celebrar
este día non é mirar un calendario oficial; é entender que Galicia lle debe o
seu espertar cultural e o seu corazón ás nosas rúas, aos nosos cafés, ao
maxisterio de Otero —que nos ensinou a amar a lingua por convicción—, das irmás
Do Campo, de Filomena Dato, de Risco, de Cuevillas… de todo un pobo que se
sente GALEGO.
Neste día, o propio é brindar polo que fomos e polo que somos cun groliño
do noso licor café, escuro e vivo coma a nosa historia…
Feliz Día de Galicia.


