Non hai moito falábalvos de que, en contra do que se poida
pensar, as feiras da provincia hai xa bastante tempo que entraron en declive.
Creo lembrar que vos traía á memoria unha conversa do ano 1934 na que se
queixaban amargamente do escaso negocio que se despachaba nelas.
Non vou desdecirme, porque a dinámica real era esa; porén,
ao abrigo dunhas fotografías que atopei estes días, vou intentar trasladarvos a
unha das que se considerou rentable por máis anos, e que aínda hoxe permanece
activa (con notables diferenzas, vaia por diante).
Na historia queda que
a vila do Arenteiro ten unha clara vinculación co Mosteiro de Oseira e, froito
do bo facer daqueles monxes, tan pronto como se puido organizouse a feira; e,
como sabedes, o polbo foi protagonista desde o primeiro día. Ese é
probablemente o único elemento que continúa invariable xa que, a diferenza
destes tempos de asfalto e limpeza???, o máis pintoresco de antano era ver o 16
e o último día de cada mes como paseaban alegremente, e cun garbo envexable,
porcos, cuxos e ata algún capón e galiña; todo un espectáculo para os sentidos.
Hoxe, como vos digo, o polbo é o único que resiste na feira e, se ben xa vén
cocido, converteuse na estrela absoluta. Pero non se trata hoxe de recuperar a
historia desta feira, senon…
Vou intentar lembrar a aqueles personaxes que no seu día
eran a alma da feira carballinesa, á marxe de que moitos dos habituais de
Ourense procuraban non perder a cita. Alí montaba Mario o charlatán o seu
vistoso tenderete. Cunha labia esgotábel e un don de xentes case teatral,
ofrecía as cotizadas mantas zamoranas —"unha por cama, e pra toda a
vida"— ou vendía as famosas e afiadas coitelas de afeitar da marca Iberia,
indispensables pra o aseo masculino da época. Entre supostos agasallos
xenerosos e chistes varios, gañaba o público e liquidaba toda a mercadoría nun
abrir e pechar de ollos.
![]() |
| Victorio |
![]() |
| Polainas |
“Victorio” foi un personaxe moi querido na vila; deses que demostraban que vencer a adversidade só é posible con coraxe, e que renderse é de covardes. Era cego e desde cativo dedicárase á venda de prensa, voando as noticias que lle recomendaban os seus amigos como as máis impactantes para quentar a venda. Tan pronto como puido, pasouse tamén á lotaría: “Leveme un décimo, señor, mire que lle dou o gordo”. Victorio, a pesar da súa cegueira, pateaba a vila enteira; desde o balneario á praza víaselle camiñar con tal soltura que semellaba que desfrutaba dunha vista de bicho, cando só o seu porrete (garrote) o guiaba. Contan del unha anécdota tan entrañable como amarga: unha mañá, un forasteiro achegouse a pedirlle un décimo; el deullo, pero ao momento, escusándose en que non lle gustaba o número, o tipo devolveullo e reclamou os cartos. Realmente, o que lle colou era un que o cliente levaba desde facía tempo na carteira e que sabía que non tiña premio. Cousas do karma, a fortuna quixo que, ao recoller o papel, Victorio —que de parvo non tiña un pelo— o comprobara: ¡habíanlle soplado un billete cun premio de 8 duros da época!, ¡caralliño!!!!!.
Outro habitual, sobre todo nos meses de bo tempo, era
“Polainas”, un home serio que ofrecía os seus servizos como esquilador e que,
segundo os meus datos, era dos pouquísimos que exercían o oficio en toda a
provincia. Era un traballo de lombo dobrado; non existían as esquiladoras
eléctricas e había que facelo todo a golpe de boneca. No caso de Polainas, tiña
fama de ser mellor afiador que moitos dos que andaban coa roda, e é que as súas
ferramentas tiñan que cortar un pelo no aire. O caso é que os afiadores eran
praga na feira; nalgunha cita chegáronse a contar máis de media ducia de
atarazanas. E facían falta, non crean: as tesoiras das polbeiras profesionais
había varios na vila e nos seus arredores, pero os foráneos tampouco perdían a
viaxe. E por se fose pouca a competencia, non era raro tropezar no campo da
feira cos compoñedores de paraugas. Moitos non o lembraren, pero bastantes
afiadores, entre as súas múltiples habilidades, tamén remendaban paraugas e
atrevíanse co case esquecido arte de arranxar olas e tarteras. ¿Imaxínadesvos
hoxe intentando remendar unha tartera? ¡Como non lle poñas plastilina ou
silicona...!
E pra o final deixei aos que non podían faltar, os que non tiñan nome —¿ou si?—, pero nin eles mesmos o lembraban. Algúns chamábanos "capitalistas", quizais porque intentaban vivir do capital alleo. Pero bromas a un lado, eran personaxes que, na maioría dos casos, considero entrañables; normalmente cargaban ás súas costas con historias moi duras que os guindaran á intemperie. Certo é que tamén había lambóns e pillabáns que, ás veces por simpatía, outras por pura pena e moitas por teren unha cara de cemento armado, pretendían vivir do conto.
Na vila do Arenteiro estaban os auténticos da casa, pero non
era raro ver eses días a outros de paso que, pra que negalo, tamén lle daban
cor e vida á feira. Pra outro día queda lembrar os que faltan: barbeiros dos de
“mova o coio”, “dentistas”, a da sorte do paxariño, fotógrafos minuteiros… E
moitos máis que, por desgraza, tamén viñan de fóra: trileiros, estafadores,
carteristas e demais artistas da subtracción. Pero deses, mellor non falar..
"Pra
pan, carne e viño: O Carballiño”
e se non, que llo pregunten o Pagán
![]() |
| Un capitalista na vila... |





