Páginas

sábado, 1 de mayo de 2021

Ourensan@s Inmortales XIX, Angelita Varela

 

 Fotografía da web Do colexio Santo Ángel 

Angela Santamarina Alduncín

"Angelita Varela" (Ourense 1863-1956)

Esta entrada  publicouse inicialmente o día 1 de xullo do 2014 decidín recuperala pra que forme parte da lista dos nosos inmortais


   Nacida no Tandil, (Bos Aires, Arxentina) en xaneiro de 1863, era filla de Ramón Santamarina Valcárcel (ourensán de nacemento), e María Ángela de Alduncín Gaspuy, quedou orfa de nai aos tres anos de idade, e o seu pai decidiu confiala xunto aos seus irmáns ao coidado da súa tía Dolores Santamarina na nosa cidade.
Dolores había estado casada con Rafael Vidal, con quen tivo o seu único fillo Alejandro Vidal Santamarina; enviuvou e posteriormente contraeu novo matrimonio con Antonio Varela Bahamonde; de aquí vén o apelido adoptado por Angelita.
Aínda que os seus irmáns decidiron retornar á Arxentina, onde tiveron algún deles un papel moi importante na historia do país; Angelita decidiu continuar en Ourense coa súa tía.
Emparentou coa familia Temes, polo seu matrimonio co fidalgo Isidoro Temes e Sáenz de quen enviuvou no 1918.
Fíxose cos títulos nobiliarios de Marquesa de Atalaya Bermeja, (por rehabilitación propia en 1924), e o de Condesa do Valle de Oselle, (por rehabilitación da súa tía Dolores, en 1920 quen llo cedeu), Hoxe en día non fose posible, pero naqueles tempos era perfectamente legal.

A boa posición económica que o seu pai facilítolle, permitiu que desde o primeiro momento Angelita colaborase coa gran maioría de obras de caridade que se lle propuñan, seguindo o exemplo da súa tía Dolores; así mesmo a súa disposición a colaborar coa cidade era tal, que os visitantes ilustres que se achegaban por Ourense, habitualmente eran aloxados na súa casa. Como recoñecemento a estas obras, foi nomeada presidenta de honra da Cruz Vermella Española, e condecorada coa Gran Cruz de Beneficencia (Ano 1926).
Ao mesmo tempo, seguindo os consellos do seu confesor Antonio Rey Soto, financiou múltiples obras culturais; a máis destacada, foi posibilitar que o propio Rey Soto reunise unha fantástica biblioteca, a cal aínda que inicialmente ía ter como depositaria á nosa cidade, (concretamente o edificio que foi vivenda de dona Angelita na intersección de Santo Domingo coa rúa do Alba, era a función para a que se destinaba), diversos problemas e desencontros, fixeron que terminase enriquecendo a biblioteca dos Mercedarios en Poio.

Sen ánimo de crítica, gustaríame mencionar o inxusta que é ás veces a historia, vendo que é máis fácil atopar comentarios sobre a anécdota de que a diario lle levaban unha vaca desde as súas leiras no Couto, ata a súa casa en Santo domingo, para ser ordeñada; que sobre a gran achega que fixo á cidade facilitando a creación da fundación Santamarina-Temes, xestora do complexo do Santo Anxo (financiado por ela na súa totalidade), e cedéndolle a esta todas as súas propiedades, (entre as que se atopan a mellor colección de pezas de cerámica de Sargadelos, obras pictóricas de gran valor, xoias etc.).

Faleceu Dona Ángela Santamarina, na nosa cidade o 5 de Xullo de 1956

Fotografía propiedade de Ester Pacheco, feita polo seu pai Augusto Pacheco